Friday 26 de April de 2024

Membros do goberno municipal de Ames visitaron Carballo para interesarse por varios proxectos municipais


Hoxe recibimos a visita de dous membros do goberno municipal de Ames, que quixeron achegarse ata Carballo para coñecer de preto distintos proxectos impulsados polo noso concello. Evencio Ferrero, acompañado pola concelleira Milagros Lantes e polos concelleiros Juan Seoane e Marcos Trigo, recibiu na Alcaldía a David Santomil, responsable das áreas de Educación, Patrimonio Histórico e Axenda Urbana, e a Escarlata Pampín, que xestiona Mocidade e Normalización Lingüística.
Ao longo da xuntanza, que se prolongou durante máis dunha hora, abordáronse cuestións moi diversas e compartiuse información relacionada coas diferentes áreas de xestión municipal, pero incidiuse especialmente en dous aspectos.

Por unha banda, responsables municipais de Carballo e Ames puxeron en común a necesidade de avanzar nas estratexias que permitan acceder nas mellores condicións posibles aos fondos europeos.
Por outra, os representantes do goberno municipal de Ames amosaron moito interese en coñecer a experiencia formativa impulsada dende o Concello de Carballo nas instalacións do Fórum dada a necesidade de ofrecer á mocidade, fundamentalmente, distintas alternativas de formación de cara a acadar a inserción laboral.